
O Concello de Oímbra abre o prazo para solicitar as axudas de material escolar e libros de texto do curso 2026/2027
09/09/2026
Patrimonio e tradición
Oímbra recrea o pisado tradicional da uva nos lagares rupestres do Lagar de Xan Preto
A cita será o domingo 20 de setembro ás 12:00 horas, cunha demostración en vivo do prensado tal e como se facía hai séculos sobre a rocha.
O Concello de Oímbra organiza o vindeiro domingo 20 de setembro unha recreación do prensado nos lagares rupestres, unha demostración en vivo do pisado de uva tradicional que terá lugar no Lagar de Xan Preto a partir das 12:00 horas.
A actividade convida a veciñanza e visitantes a coñecer de preto como se elaboraba o viño na comarca antes da chegada da maquinaria moderna: a uva deposítase directamente sobre a pía escavada na rocha e prémese cos pés, un xesto que durante séculos marcou o ritmo da vendima no territorio do Monterrei.
Os lagares rupestres son estruturas escavadas no granito que conforman un dos elementos máis singulares do patrimonio vitivinícola da zona. Espalladas polo monte e moitas veces descoñecidas para quen pasa ao seu carón, estas pías conservan a memoria dun xeito de facer viño ligado á paisaxe e ao traballo comunal.
O punto de encontro está sinalizado e accesible a pé. Recoméndase acudir con calzado cómodo apto para camiñar por terreo irregular. Nas inmediacións atópase tamén a adega-lagar das Barrocas, outro dos enclaves de interese do roteiro dos lagares do concello.
A actividade está organizada polo Concello de Oímbra, coa colaboración da Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Xacobeo 2027, a Deputación de Ourense, o Inorde e a Ruta do Viño Monterrei.



