ANA MARÍA VILLARINO PARDO

Como alcaldesa do Concello de Oímbra quero darvos a benvida ao noso municipio a través da páxina web municipal. Oímbra é un concello rural, ben comunicado, raioto e con fermosos recursos naturais e patrimoniais que falan do noso pasado; un pasado que temos moi presente para poder deseñar o noso futuro.


Sen dúbida, tradición e modernidade son dúas palabras que nos definen ben, pero a nosa mellor carta de presentación son as nosas veciñas e veciños. É xente traballadora, que fai do campo un medio fundamental de vida - o viño, os pementos, as castañas, o mel e a horta teñen xa un nome propio. Poucos concellos están amparados en dous marchamos de calidade como o estamos nós, baixo o paraugas da DO vitivinícola Monterrei e da Indicación Xeográfica Protexida Pemento de Oímbra.

É xente que sabe divertirse e disfrutar coas nosas festas e tradicións - destacan os entroidos de Bousés, San Cibrao e Oímbra ou a Semana Santa coa súa procesión de Penitentes o Xoves Santo. En definitiva, xente que fai pobo.

Son tempos difíciles os que nos están tocando vivir, onde o distanciamento social, que ata o de agora non coñecíamos, está cambiando a nosa forma de vivir e de relacionarnos.

A través desta web, un instrumento para canalizar servizos e novas, queremos estar aínda máis próximos dos nosos veciños, aqueles que viven nas 11 localidades que conforman o término municipal e os que por diferentes motivos hoxe están fóra pero seguen o día a día local e municipal; porque entre todos, de xeito presencial ou virtual, facemos Oímbra!