
Mellora de camiños rurais no Concello de Oímbra — Plan 2026-2027
04/11/2026
Obras e infraestruturas
Oímbra e a Deputación de Ourense avanzan no itinerario peonil e ciclista que unirá o municipio con Verín
A primeira fase actúa nun tramo de case seiscentos metros da estrada provincial OU-1011, cun orzamento base de licitación de 138.900,74 euros.
A Deputación de Ourense e o Concello de Oímbra avanzan na construción do novo itinerario peonil e ciclista que unirá a localidade con Verín ao longo do vial provincial OU-1011. As obras desta primeira fase foron supervisadas sobre o terreo polo presidente da entidade provincial, Luis Menor; a rexedora do municipio, Ana Villarino, e a xefa da área de Infraestruturas da Deputación, Marta Docampo.
A actuación conta cun orzamento base de licitación de 138.900,74 euros e permite intervir nun tramo de case seiscentos metros para adaptar as infraestruturas ás normativas vixentes.
O proxecto inclúe a renovación integral do firme, a instalación de lousa táctil nos cruces e a creación dunha nova rede de drenaxe. Igualmente, o Consistorio promove o deseño dunha cuneta transitable na marxe esquerda, sufragada pola Xunta de Galicia co Fondo de Compensación Ambiental, mentres que a entidade provincial xa tramita a licitación da segunda fase.
Durante a visita, o presidente da Deputación valorou os traballos e asegurou que a actuación é o resultado dun proceso «extraordinariamente pensado, executado e útil desde o punto de vista da seguridade, da accesibilidade e incluso desde a propia estética de entrada á capitalidade de Oímbra».
Pola súa banda, a alcaldesa salientou a relevancia da iniciativa: «Trátase dunha obra moi demandada porque soportaba moitísimo tránsito sobre unha plataforma moi limitada e sen beirarrúa, comprometendo a seguridade viaria de peóns e ciclistas».
Marta Docampo describiu as dimensións da senda de formigón creada, de dous metros e medio de ancho, e engadiu que «o que se está facendo aquí é un itinerario peonil e ciclista, a idea do Concello é chegar ata Verín todo ao longo do que é a vía provincial».
Menor destaca o investimento provincial nos concellos
O presidente da Deputación de Ourense reivindicou o compromiso da institución con cada concello e garantiu que «o investimento nos concellos triplicouse neste mandato», permitindo aos municipios contar con maiores recursos. Na área de infraestruturas, avanzou un forte incremento nos vindeiros orzamentos.
Tras elevar a partida provincial destinada á mellora das vías da súa titularidade de catro a dez millóns de euros, Menor adiantou: «O ano que vén aspiramos a chegar aos once millóns de euros en actuacións nas vías provinciais». Esta nova inxección económica, sinalou, adxudícase sempre valorando criterios obxectivos como «a intensidade media do tráfico diario».
Información elaborada a partir da publicada por La Región, que recolleu as declaracións durante a visita ás obras.



