
Bando «Por un tren util»
28/07/2025
Curso gratuito de capacitación dixital en San Cibrao e Rabal
29/08/2025Alfredo Dourado, Xan Barcón, David Cabaleiro, Cristian García e Javier Castro son os actuais compoñentes do emblematico grupo A Roda, a formación de música tradicional galega que leva rodando polos camiños do país durante 47 anos dende que un grupo de amigos se reunían a cantar ao redor dunha mesa redonda nunha taberna. O vindeiro domingo, 3 de agosto, serán os encargados de culminar a XXVIII Feira do Pemento de Oímbra cun concerto que non deixará indiferente a ninguén.
A Roda é expoñente da música popular en Galicia, case medio século de vida adicada á promover e difundir a cultura galega, o noso patrimonio inmaterial, a través da música de raíz. Este emblemático grupo galego, coa súa inconfundible mestura de voces e instrumentos, coñecido por traer a alegría das foliadas e cancións populares a cada un dos seus directos, será o encargado de poñer o broche de ouro a esta festa declarada de Interese Turístico Galego.
Cunha traxectoria consolidada dende os anos 70, A Roda non só é música, é identidade, é celebración e a garantía dunha festa enérxica que fará bailar a todo o público, poñendo o punto e final perfecto a un día adicado á tradición e ao orgullo local. A día de hoxe, os cinco músicos do grupo seguen a traballar para espallar a cultura de carácter popular-oral, o cancioneiro que xa forma parte do imaxinario dos galegos e galegas.
Gastronomía, tradición e actividades para todos os gustos
A Feira do Pemento de Oímbra é un exemplo de como a implicación e o esforzo dunha vila poden converter un produto da horta nun motor cultural e económico. É unha festa que celebra as nosas raíces, a nosa gastronomía e a nosa música. A cita do 3 de agosto, máis ca unha feira, é unha homenaxe o seu produto estrela cun programa que mestura gastronomía, cultura e o inconfundible son dun grupo que é xa un símbolo da nosa terra.
A programación do día, concibida para o desfrute de todas as idades, arrancará coa Exposición de Pratos de Cociña nos que o pemento será, como non, o ingrediente principal. Publicarase ademais un receitario con todas as receitas participantes. Paralelamente, a Charanga Achicoria amenizará a xornada con música en directo e, para os amantes do motor, terá lugar a III Xuntanza de Coches Clásicos. A mediodía, o xantar popular será o punto de encontro para degustar os sabores da festa, mentres que a diversión estará garantida cun toro mecánico e inchables gratuítos para a cativada. Ademais, haberá postos diversos de pementos, maquinaria agrícola e produtos de artesanía. Ás 21h comezará o concerto de A Roda co seu inconfundible son.




